Efectivamente aquí porei enlaces a xogos, pero obviamente algunha relación terán coas Matemáticas. Non esperabades o Gears of War, ou si?
Para que non teñades moito choio, tradúzovos eu as instrucións dos que estean en inglés.

Moves o cadrado vermello, e tes que evitar as outras figuras. O xogo comeza cando fas clic sobre o cadrado vermello, e móvelo arrastrando pola pantalla.
Só tedes que facer que os raios vermellos pasen por tódolos puntos da pantalla (os nodos). Se xogades en nivel medio tedes todo o tempo que vos faga falta, en nivel difícil xa imaxinaredes. 2ª Parte: Nodes 2
Tamén falei deste no blog. É unha mestura entre o Tetris (pois as pezas van caendo verticalmente) e un Brain Training (pois hai que acadar unha suma determinada cos números das bolas). É moi adictivo.
Deste xogo falei no blog. Nel moves un bloque coas frechas do teclado, e tes que colalo polo burato. Segundo avanzas no xogo van aparecendo novos items: interruptores, portais,... É moi sinxelo aprender a xogar, pero haberá pantallas nas que teñades que pensar bastante. Tivo unha "secuela", pero a min polo menos non me gusta tanto como o orixinal (quizais sexa polo apartado visual).
Este é un xogo feito en Flash ben curioso: entra na categoría de xogos de terror, e ten un uso moi intelixente das luces e (sobre todo) das sombras. Só hai que tentar saír.
Se xa xogastes á Neurona Rabiosa, este é do mesmo estilo: tedes que pasar fases poñendo no campo Acceder a resposta axeitada. Moitas das fases resólvense cos coñecementois propios (sobre todo de cultura-pop), pero noutras teredes que recorrer ao "venerable sabio" google
Un xogo parvo ás veces non fai dano. Neste só tedes que evitar o teito da pantalla. Para tal fin só hai que premer as frechas esquerda e dereita. Por se queredes ter a satisfacción de gañarlle a un profesor, eu só xoguei unha vez, e fixen 22856 puntos. Ánimo!
"Tocar as burbullas" é un xogo musical. Tedes que afinar o oído e tentar reproducir a melodía tocando as burbullas axeitadas.
Como o nome indica, trátase de facer pontes. Xogas coa cor vermella contra o ordenador, que xoga co azul, e tes que facer unha ponte horizontal antes de que o ordenador faga unha ponte vertical. Parece fácil? Pois probade, a ver se lle gañades.
Este é un xogo físico (non hai que zouparlle a ninguén, refírome á Física como ciencia). Tedes que chegar coa bola vermella ata as bandeiras para pasar de pantalla. Para isto tedes que debuxar figuras co rato: se premedes o botón esquerdo do rato e arrastrades o punteiro facedes a figura da forma que queirades;se premedes o botón esquerdo do rato e esperades facedes unha circunferencia, máis grande canto máis deixedes abrir o radio. Ademais hai items especiais: se premedes A convertedes o punteiro nunha goma de borrar, se premedes D poñedes unha roda que xira (como unha biela onde arredor podedes artellar outras figuras), se premedes S poñedes un cravo no que podedes poñer fixas outras figuras. Comeza sendo sinxelo, pois só necesitades círculos, rampas e un pouco de habilidade, pero despois van sendo necesarias construcións máis complexas.
Neste xogo tedes que levar a bóla ata o obxectivo sen mollala. Nada máis.
Un xogo moi orixinal, no que tes que debuxar ti o camiño que vai seguir o boneco ata a bandeira.
Un dos xogos máis bonitos (visualmente e no plano musical) que podedes atopar en Flash na web. Movede a Fancy Pants co cursor e brincade coa tecla S. Hai segunda parte, Fancy Pants World 2.
Outro xogo moi bonito. Neste caso é un point&click, é dicir, un xogo dos de facer click pola pantalla para que a aventura vaia avanzando. Con segunda parte, Samorost 2. Botádelle un ollo á páxina de Amanita Design, na que hai máis xogos, todos mois coidados esteticamente.
O obxectivo do xogo é eliminar tódalas lousas azuis ao saltar nelas. Usa as frechas do teclado para saltar cara arriba, abaixo, esquerda e dereita. Deixa premida a tecla Control ao saltar para facer un salto longo (2 lousas). Preme Espazo para reiniciar o nivel. En total hai 14 niveis, os primeiros moi sinxelos.
Neste xogo tes que botar unhas contas máis rápido que o teu opoñente, que pode ser un compañeiro ou ben a CPU. Cada vez que fas correctamente un cálculo sobes pola montaña. Gaña quen chega antes ao cumio. Se escolles o nivel "Insane" xa é bastante difícil pasar a segunda fase sen utilizar os items que acadas ao calcular ben: o 50/50 é o típico comodín que permite aliminar a metade das opcións, o Stop fai que o teu opoñente deteña o seu camiño, e o terceiro ítem fai que o teu opoñente ande máis lentamente do habitual. Os demais comodíns funcionan automaticamente sen que ti fagas nada (hai un de avanzar o dobre de pasos, outro de camiñar máis rápido, e outro para darche unha segunda oportunidade por se metes a zoca á primeira).
Tes que copiar a estrutura da xanela dereita na xanela esquerda. Para isto, fai click e arrastra para facer un recadro. Logo move os bloques coas liñas de xiro (non sentido das agullas do reloxo e no oposto). Cando as dos xanelas sexan idénticas, terás feita a enxeñería inversa e pasarás ao seguinte nivel. Cada nivel ten un código, apúntao para non comezar desde o nivel 1. E coidado, que hai un tempo límite.
  • Break Heads
Isto non é un enlace, son varios xogos flash dentro dunha presentación en Powerpoint que fixeron unha longa cadea hai uns anos. Os xogos son, na súa maioría, ben coñecidos, pero o formato fainos moito máis entretidos. Velaquí están:

Es quen de controlar independentemente cada un dos dous hemisferios do cerebro?
Ningunha das dúas bólas pode caer, a ver canto durades! Xa me contaredes o voso record. Xa veredes que o nome está ben escollido.
Conecta cada parella de pezas coa mesma cor. Para activar unha cor, fai click nunha das pezas iniciais desa cor. As conexións non poden ser diagonais. As celas negras non contan. Hai segunda parte.
É o típico xogo de taboleiro, pero en cada cela tes que resolver un problema de lóxica. Podes xogar con compañeiros ou contra o ordenador. Tamén hai segunda parte.
Manexas un pito que salta sobre nenúfares. Tes que pasar por tódolos camiños entre os nenúfares, pero só unha vez por cada un (cando pasas por un camiño, este cambia de cor e queda inactivo). Para os iniciados: tes que atopar un camiño euleriano para o grafo. Para os profanos: nunca debuxastes unha casa con tellado sen levantar o lapis do papel e sen refacer ningunha liña?
Probablemente o máis "freak" de tódolos xogos que teño comentado. Basicamente é unha versión mínima do clásico Space Invaders, que consiste en "matar" números naturais disparándolles os seus factores primos. Para disparar 2, 3, 5 e 7 chega con premer os números no teclado. Pero como está en inglés, hai que saber o seguinte: para disparar 11, 13, 17 e 19 hai que premer "e" (eleven), "t" (thirteen), "s" (seventeen) e "n" (nineteen). Cando o número é primo podes dispararlle directamente "p".
Trátase dun xogo on line de enigmas de lóxica, informática, matemáticas,... Comeza sendo bastante sinxelo, pero complícase rapidamente.
Teño que avisarvos de que este xogo é realmente adictivo, así que non o probedes se vos enganchades facilmente aos xogos. O nome do xogo é un xogo de palabras entre "Troya" e "Tetris", e no xogo moves un cabalo de xadrez que ten que pasar por tódalas celas con cor dun taboleiro. O cabalo móvese segundo as normas do xadrez (en forma de L). O xogo gratis permite que practiques cada día 15 minutos.
Para aqueles que coñezades o Tetris, as pezas son semelllantes, pero cun cadrado máis (en troques dos tetrominós, son os pentominós). Ademais, o xogo non consiste en colocar pezas que van caendo, senón pezas que xa ves ao comezo do xogo: tes que formar o contorno que aparece na pantalla en vermello, de tal xeito que as pezas non se amoreen unhas enriba das outras, e que non saian fóra das liñas. Cunha peza escollida (co botón esquerdo rato, sen soltala) podes xirala 90º premendo Espazo , reflexala verticalmente con Shift e reflexala horizontalmente con Control. Aviso: é bastante difícil, incluso o nivel Easy.

É a versión reducida on line que xa comentei no blog.
Tes que mover un cadrado do equipo ata a porta. Click co rato para seleccionar o cadrado que queres mover, e WASD para mover ese cadrado. É unha especie de Lemmings sen propiedades onde tes que deseñar a estratexia ao comezo de cada pantalla.